sábado, 2 de maio de 2020

Entrada 11: Capítulos 10, 11 e 12 ("Una curizeta", "Viejos caminos", "El bosque y el camino"):

   Capítulo 10: no campo de refuxiados de todas as cores de Sluzk, a cen kilómetros ao sur de Minsk, Rusia Branca ou Bielorrusia. Xullo de 1945. Mestura de nacionalidades e relaxación e caos tipicamente rusos.
   Pero finalmente saen cara a Staryje Doroghi, a setenta kilómetros, camiñando! Saen o 20 de xullo de 1945, pero polo medio Levi, Cesare a algún italiano máis sáense da marea humana que camiña pola desfeita estrada e ten entón lugar a escena da galiña, entre cómica e absurda.

   Capítulo 11: chegados xa a Staryje Doroghi ("Vellos Camiños"), na "Casa Vermella", outro campo, outro caos, arquitectónico e de todo o demais, onde estarán ata o 15 de setembro de 1945. E Cesare, facendo de... "Cesare". Nesta ocasión con peixes. Pero o mellor do capítulo é o seu final, a escena dos últimos parágrafos onde Cesare conta a través de Levi como atopa a esa nai con tres fillos famentos, e a súa reacción no momento... e días despois. Daba para un bo conto. Lamentablemente Levi ten demasiadas escenas e pouco papel para dedicarlles. (Cómo pode recordar todo iso case vinte anos despois? Ou levaba un diario, ou anotou todo o que foi capaz ao chegar a Italia, porque se non...).

   Capítulo 12: aquí,  o protagonista é o bosque, o bosque dos contos, o bosque do corazón ou heart of darkness, que diría Conrad. Hai moito diso neste capítulo, moito da novela de Conrad ou da novela de William Golding, El señor de las moscas...  , ou pode que tamén da obra non tan coñecida, incomprensiblemente, El secreto del Bosque Viejo, de Dino Buzzati (calquera dos tres, bos libros para cando remates con éste).
   Levi pérdese no bosque, e outra vez por desgracia dedica pouco espacio a contarnos todo ese episodio, que unha vez máis daba para un bo relato. O mellor do capítulo, na opinión de quen escribe. Un capítulo por outra parte que dalgún xeito dá unha volta ao libro, pois en certo modo xa parece outra obra. E aínda diría máis, como din Hernández e Fernández: o eremita Cantarella no bosque, as dúas mulleres alemás no bosque viviendo coma salvaxes, o Velletrano e os seus costumes semisalvaxes no bosque, o mercado coas mulleres rusas e Cesare de novo facendo das súas, e , para rematar, o episodio dos cabalos roubados aos alemáns polos soviéticos, e os italianos  roubando logo aos rusos cabalos deses para... comelos! Non hai desperdicio: que capítulo!

3 comentarios:

  1. Gustoume moito o primeiro capítulo, a escena na que tentan facerse entender para mercar a galiña. Foi moi graciosa e divertida.
    O único que non me está gustando demasiado deste libro é que as frases son moi longas e pesadas.
    Eu tamén lin o libro de El bosque viejo, cando era pequena, e me gustara moito, lembrárame a El bosque animado de Wenceslao Fernandez Florez.

    ResponderEliminar
  2. Xa lin os capítulos e estoume dando conta de que o home a pesar do tempo lembra con moita exactitude nas descricións e alguns eventos, dando a impresión de que rechea un pouco.
    E gustoume que mostraran mais a Cesare coa súa forma de pensar tan graciosa e a parte da galiña.

    ResponderEliminar
  3. Ola a ambas, e ola ao resto de compañeiros na sombra, e perdón de novo polo atraso.
    Parece que o episodio da galiña tivo certo éxito, e máis coa presencia de Cesare, que ten fans, polo que vexo... E certamente é unha escena dificilmente esquecíbel, aínda que eu, se tivera que escoller, escollería máis ben o capítulo dedicado ao bosque.
    O das frases longas e pesadas, que di V., non é a primeira vez que se trata nestes comentarios, de modo que non sei se insistir niso. Supoño vai en gustos, porque un máis ben nota nesta obriña unha linguaxe simple e ás veces demasiado plana, e non esa pesadez ou kilométrica extensión das que falan V. agora e I. noutra ocasión pasada. Explícome: el se perde no bosque, por exemplo, e conta o suceso, pero na miña opinión de forma pouco profunda e sen entrar en case nada, e cando máis esperas... pasa a outra cousa!, e iso queda fixado en frases que, volvo a dicir, na miña opinión, non son nin demasiado extensas nin demasiado complexas. Creo. Pero vexo que a miña visión non é compartida.
    Polo demais, I. di que tanto detalle recordado non pode senón ser produto de que o autor "rechea un pouco". Algo diso ten que haber, si..., a non ser que levara un diario neses días, cousa non descartable e habitual entre plumíferos. Tamén pode ser que máis que un "encher", o escritor estea facendo o que é propio del como escritor: fabular. Iso non quita "verdade" ou "realidade" á narración, pero el debe dar forma a eses recordos e que o lector poda entendelos. Talvez ás veces hai que fabular un pouco para que o narrado sexa verosímil e comprensible.
    Gracias polos vosos comentarios en todo caso, e se se quere se pode seguir con eles aquí.
    Este fin de semana pretendo ler outros tres capítulos como pouco e o luns ou martes como moito (ou antes, se é posible), colgar unha nova entrada no blog, que será a última ou penúltima, pois todo ten o seu fin. Tamén quixera incluír unha pequena bibliografía como complemento final, por se alguén quere ler algo máis relacionado con estes dous libriños.
    Chao...

    PS: "El secreto del Bosque Viejo", de Dino Buzzati, V., é un privilexio telo lido, e outro poder volver a facelo cando unha desexe, de nena, de adolescente, de adulta ou de xubilada. Ou non?

    ResponderEliminar