luns, 25 de maio de 2020

Entrega 12: os últimos cinco capítulos:

   No capítulo 13, temos dúas partes. Primeiramente Levi volve a pasar diante do lector unha nova colección de personaxes dun xeito parecido a como fixera xa en capítulos anteriores (mención especial merece o reencontro con Flora, polo seu patetismo), para ir despois á sala de cine dentro deste campo de refuxiados onde vemos unha escena distinta (e increíble) por película, ata chegar á final onde o lector pode escoller entre a risa, ou todo o contrario, pois debaixo dunha situación narrada como humorística, hai en realidade unha ameaza de violación de mulleres masiva. Afortunadamente,  había outras persoas intentando evitalo. Non podemos senón dicir que recorda bastante á escena de Apocalypse Now!, a película de 1979 de Coppola, Martin Sheen e Marlon Brando baseada na novela de Joseph Conrad, xa citada atrás, El corazón de las tinieblas, pero ambientada na guerra de Vietnam. Referímonos á escena das "Playboy girls" bailando ao son de "Suzie Q" (YouTube).

   Capítulo 14: escenas dos italianos no campo de refuxiados montando o seu propio teatro de variedades. Sobre o número do sombreiro de tres picos (aquí sería "Mi barba tiene tres pelos") acaba por dicir: "en él se percibía  (...) la respiración pesada (...) del sueño que exhalaban el exilio y el ocio cuando cesan el trabajo y el dolor, (...) tal vez porque en él se percibía la impotencia y la nulidad de nuestra vida y de la vida (...)."
   Máis adiante, a obra "El naufragio de los abúlicos", os rublos repartidos a horas intempestivas, e o anuncio da partida en tren. Chega incluso o mariscal Timoshenko, heroe nacional da URSS, para anunciar esa volta a Italia.

   Capítulo 15: sae o tren por fin o 15 de setembro de 1945. É rechamante o episodio dos soldadiños noviños que levan de gardas no tren xogando cos nenos italianos ás canicas, simulando o Giro de Italia. E logo non podía faltar Cesare facendo das súas, agora cun timo en plena estación. Pero o que brilla é o encontro imprevisto de Levi con Galina, a moza ucraniana dos primeiros capítulos, na estación do pobo dela, que de novo daba para un conto, pois parece que Levi case está por confesar un certo sentimento que algúns chamarían talvez amor. Mais, como sempre, Levi pasa por enriba como fixera no episodio do bosque, e quedamos, como sempre, sen saber demasiado. Finalmente pasan a Rumanía e hai en Iasi un encontro coa comunidade xudía, breve, pero significativo.

   Capítulos 16 e 17: mapa do propio libro en man recorremos Europa na volta a casa. Rumanía, Hungría, Checoslovaquia, Austria, ¡Alemaña!, Austria de novo, e Italia. Volve a picaresca nesta viaxe de máis dun mes para poder cociñar ou conseguir auga, e Cesare que abandona o tren e acaba volvendo ¡en avión!, desde Bucarest. Os personaxes tipicos desta obra non deixan de aparecer de país en país, pero son dous os momentos que cambian a situación esencialmente: a aparición dos estadounidenses (Jeep incluído) en Austria, un novo mundo, e a parada do tren en Munich, Alemaña, onde Levi vive dentro de si diferentes e encontradas emocións camiñando cos alemáns pola rúa, buscando os seus ollos...
   E logo..., o medo á volta a casa: ¿que pasaría agora unha vez na familia e na cidade dun, pasada esta "tregua" entre o inferno e a volta á patria? , ¿que pasaría dentro deles?, ¿como vivir a partir de agora? O pesadelo que se repite unha e outra vez nas noites de Levi descrito ao final do libro, remítenos á obra anterior e ao inferno, que segue existindo detrás de cada parede do que parece "a normalidade".

   Bibliografía e filmografía:
   -Levi, P., Los hundidos y los salvados, varias edicións. Parte III da "Triloxía de Auschwitz". Ensaio.
   - Primo Levi en diálogo con Ferdinando Camon, Anaya & Mario Muchnik, 1995.
   - Anónimo, Una mujer en Berlín, Anagrama.
   - Sebald, W.G., Sobre la historia natural de la destrucción, Anagrama.
   - Solzhenitsyn, A., Un día en la vida de Iván Denisovich, Tusquets. 
   - Speer, A., Memorias. Acantilado.
   - Lanzmann, C. (director),  Shoah, (1985). Documental sobre o Holocausto de dez horas. DVD e parcialmente na rede.
   - Rosi, F. (director), La tregua, película (1997). DVD. (Non moi boa).
  



 

sábado, 2 de maio de 2020

Entrada 11: Capítulos 10, 11 e 12 ("Una curizeta", "Viejos caminos", "El bosque y el camino"):

   Capítulo 10: no campo de refuxiados de todas as cores de Sluzk, a cen kilómetros ao sur de Minsk, Rusia Branca ou Bielorrusia. Xullo de 1945. Mestura de nacionalidades e relaxación e caos tipicamente rusos.
   Pero finalmente saen cara a Staryje Doroghi, a setenta kilómetros, camiñando! Saen o 20 de xullo de 1945, pero polo medio Levi, Cesare a algún italiano máis sáense da marea humana que camiña pola desfeita estrada e ten entón lugar a escena da galiña, entre cómica e absurda.

   Capítulo 11: chegados xa a Staryje Doroghi ("Vellos Camiños"), na "Casa Vermella", outro campo, outro caos, arquitectónico e de todo o demais, onde estarán ata o 15 de setembro de 1945. E Cesare, facendo de... "Cesare". Nesta ocasión con peixes. Pero o mellor do capítulo é o seu final, a escena dos últimos parágrafos onde Cesare conta a través de Levi como atopa a esa nai con tres fillos famentos, e a súa reacción no momento... e días despois. Daba para un bo conto. Lamentablemente Levi ten demasiadas escenas e pouco papel para dedicarlles. (Cómo pode recordar todo iso case vinte anos despois? Ou levaba un diario, ou anotou todo o que foi capaz ao chegar a Italia, porque se non...).

   Capítulo 12: aquí,  o protagonista é o bosque, o bosque dos contos, o bosque do corazón ou heart of darkness, que diría Conrad. Hai moito diso neste capítulo, moito da novela de Conrad ou da novela de William Golding, El señor de las moscas...  , ou pode que tamén da obra non tan coñecida, incomprensiblemente, El secreto del Bosque Viejo, de Dino Buzzati (calquera dos tres, bos libros para cando remates con éste).
   Levi pérdese no bosque, e outra vez por desgracia dedica pouco espacio a contarnos todo ese episodio, que unha vez máis daba para un bo relato. O mellor do capítulo, na opinión de quen escribe. Un capítulo por outra parte que dalgún xeito dá unha volta ao libro, pois en certo modo xa parece outra obra. E aínda diría máis, como din Hernández e Fernández: o eremita Cantarella no bosque, as dúas mulleres alemás no bosque viviendo coma salvaxes, o Velletrano e os seus costumes semisalvaxes no bosque, o mercado coas mulleres rusas e Cesare de novo facendo das súas, e , para rematar, o episodio dos cabalos roubados aos alemáns polos soviéticos, e os italianos  roubando logo aos rusos cabalos deses para... comelos! Non hai desperdicio: que capítulo!