xoves, 16 de abril de 2020

Entrada 10: Capítulos 7, 8 e 9 ("Los soñadores", "Hacia el sur", "Hacia el norte"):


     Seguimos con outros tres capítulos.
   No 7, "Los soñadores", Levi está gravemente enfermo, e ademais de falar diso, volve a incluír unha nova colección de personaxes que bordean a tolemia, mesturada coa picaresca. Chama a atención o "doutor" Gotlieb.
   Nalgún momento Levi escribe isto sobre os seus acompañantes alí na súa convalecencia:
   "En las larguísimas tardes polacas, el aire del dormitorio, pesado de tabaco y de olores humanos, se saturaba de sueños insensatos. Éste es el fruto más inmediato del exilio, del extrañamiento: el predominio de lo irreal sobre lo real. Todos soñaban sueños pasados y futuros, de esclavitud y de redención, de paraísos inverosímiles: enemigos cósmicos, perversos y sutiles que todo lo penetran como el aire." (Páxina 102, na versión de Muchnik Editores, 1988.).

   No 8, "Hacia el sur", os italianos do campo soviético son inopinadamente metidos nun tren para chegar a Odesa, porto ucraniano no Mar Negro. Miremos o mapa do final do libro para localizar as cidades do traxecto. Por suposto, non chegará ese tren ao seu destino, pero o  que importa, cremos, son estas tres cousas: 1) a forma de proceder do "doutor" Gotlieb; 2) o medo que producía simplemenete escoitar a palabra "Stalin" (sobrenome que significa "Home de aceiro") na poboación soviética; e, sobre todo, 3) notar como por fin Levi comeza a recoñecer as garras irracionais e totalitarias do sistema soviético (presta atención aos detalles da viaxe, sobre todo cando Gotlieb desaparece misteriosamente e con cara de... pánico).
   Neste enlace, se baixas un pouco, podes ver o mapa de Ucrania co mar Negro e Odesa. Se miras á parte superior, N.O. de Ucrania, en verde, verás as cidades de Lvov (que Levi e o seu mapa denominan Leópoli), e Ternopil algo máis á esquerda, que Levi e o seu mapa chaman Ternopol (con iso chega para ubicarnos, pero mira ben o mapa: son extensións enormes).

   No 9, "Hacia el norte", temos dous momentos: primeiramente, a estancia durante días en Zmerinka, onde podemos contemplar a soldados prisioneiros alemáns abandonados sen máis e mortos de fame, humillados por un xudeu italiano, Daniele, e camiñando a catro patas diante del. Tamén a escena, terrorífica, das mulleres ucranianas que son traídas de volta desde Alemaña polo réxime estaliniano, con destino descoñecido e probablemente o peor (¿Gulag?).
   O segundo momento é, unha vez subidos de novo ao tren, no final do traxecto, ao norte (ver mapa do final do libro). Fóra de todo, europeos de todas as nacionalidades son concentrados lonxe de calquera porto de mar que prometa a volta a casa, nun vello cuartel do exeŕcito soviético destruído pola guerra. Alí, ao día seguinte da noite da chegada, Levi atopa de novo ao grego Mordo Nahum...(ver capítulo 3 e o comentario de Violeta do día 30 de marzo, Entrada nº 8), que se dedica agora á prostitución no propio campo de concentración, sen problema algún coas autoridades soviéticas do campo. Levi, claro é, rexeita a invitación de Mordo Nahum, vítima dos nazis e agora explotador de mulleres, coa vista gorda dos soviéticos, tamén clientes do seu negocio, por certo (de todas formas, o Exército Vermello da URSS e Stalin ten algo moitísimo peor sobre si que o miserable Mordo dedicándose ao negocio da prostitución: mira, pero advertimos que non é agradable. Se disto se fala pouco, é porque a guerra cóntaa quen vence, non o vencido).

luns, 6 de abril de 2020

Entrada 9: capítulos 4-5-6 ("Katowice", "Cesare", "Día de la Victoria"):

 No capítulo 4, “Katowice” (ver mapa ao final do libro para localizar esta cidade), Levi comeza co seu retrato da alma rusa, completado en sucesivos capítulos. Ese retrato, cheo de admiración, gratitude e simpatía polos rusos e polo Exército Vermello, contrasta co carácter que el presenta como típico dos alemáns, e aquí debemos ser xustos con éstes: alemán non é o mesmo que nazi, polo mesmo que ruso non é o mesmo que bolchevique, ou español que franquista, ou italiano que fascista. Moitas das cousas contadas no libro anterior e rememoradas neste deben ser adxudicadas aos nazis, aos SS, non necesariamente a todos os alemáns. De todos xeitos, para Levi si é obvio que o carácter ruso, ou eslavo, é anárquico, desmesurado, sentimental, caótico, pouco respetuoso cos regramentos e horarios e moi tendente a embriaguez, mentres o alemán é amante da orde, amigo dos regramentos, obediente (talvez demasiado naqueles tempos) coas regras e superiores e co Estado, racionalista, etc. Ese choque de dúas mentalidades e almas é algo que Levi pretende facer ver ao lector, e de paso que vexa o cambio de mundo que supuxo estar baixo a bota nazi e agora a soviética (recordemos que a II Guerra Mundial non a inicia Hitler invadindo Polonia, senón Hitler e Stalin invandido á vez Polonia). Certo que Levi moitas veces mestura indebidamente soviético con ruso, e outras incluso mongol (o soldado da entrada do campo de Bogucice) con ruso ou eslavo, nunha sopa non moi rigurosa.
Sexa como sexa, Levi compara o campo soviético de Bogucice cun campamento xitano, con horarios e regramentos inexistentes de feito, e aquí temos de novo a “picaresca” da que xa falabamos na anterior entrada.
E a partir de aí comeza o desfile de personaxes, produto da época e desa “tregua” na que sitúa o libro, onde cada un, máis con cor de comedia ou sainete que de drama ou traxedia propia da obra anterior, ten os seus cinco minutos de gloria ante a cámara, e cada un coa súa historia debaixo do brazo:
O contable Rovi, tamén coñecido como “coronel” Rovi; Leonardo, o médico sobrevivinte do Läger; Marja Fjodorovna Prima, todo carácter; o doctor Davchenko, todo vodka e mulleres; Galina a rapaza ucraniana, e con ela a súa historia de adolescente desraizada; o italiano “o Ferrari”, fracasado na escola de ladróns (parece que si que existen) e paraíso dos piollos; Simone, a francesa membro da Resistencia francesa (“maquisarde”, ou sexa, do "maquis" ou guerrilla francesa antialemana, que tanto debe aos republicanos españois fuxidos de Franco nas súas terras); etc.

No capítulo 5, “Cesare”, dedicado sobre todo a este personaxe orixinario do gueto (barrio) xudeu de Roma. Levi gasta tinta na comparación de carácteres entre este Cesare e o “grego” do capítulo 3 do que falaba Violeta o outro día: semellantes, pero ben distintos á vez. Cesare é un buscavidas pícaro pero vitalista e con talvez maior atractivo que Mordo Nahum, aínda que con pouca fortuna coas noivas polacas...
Outra alma deste capítulo é o inefable ruso (e xudeu) con aspecto de Don Quijote mais sen cabalo, pois leva moto incorporada. Os rusos de golpe están nerviosísimos e ninguén sabe por que, ata que descubren que a razón é unha inminente “inspección” das autoridades soviéticas. O campo de xitanos sen regras nin horario vólvese tolo... Mais esa autoridade non chega ata ben despois, e é o capitán da terroríficaNKVD (baixa un pouco neste enlace ata ondi di "El régimen de terror": a NKVD era a policía secreta equivalente á Gestapo nazi). O capitán, acaba residindo permanentemenet emntre eles facendo pouco menos que números circenses coa moto na inspección...da cocina (diariamente: e iso significa todos-os-días, incluso coa perna rota).
O capítulo remata coa escena da venta da camisa por Cesare e Levi no mercado de Katowice, escena outra vez de pura picaresca.

No capítulo 6, “Día de la Victoria”, coñecemos o triste final da historia romántica de Cesare, pero sobre todo, está dedicado ao “paroxismo de entusiasmo” de oito días de rusos e non rusos pola victoria final sobre Hitler, onde Levi segue co seu retrato da alma rusa, agora con abundantes pinceladas de alegría, abandono e vitalidade.
Destaca a escena da obra teatral “Vanka Vstanka”, mostra impagable da alma rusa. E destaca igualmente, ao día seguinte, a mostra da outra cara desa alma, con ese burocratismo ruso pero tamén moi soviético no que cae Marja F. Prima cando Levi recoñece ante ela a admiración pola representación teatral do día anterior.
Remata o capítulo con ese partido de fútbol... arbitrado por un imposible capitán Don Quijote da NKVD (sen moto, nesta ocasión, pero con silbato histérico) que parece saído dunha película cómica. Moi ruso, si.

martes, 24 de marzo de 2020

Entrada 8: capítulos 1, 2 e 3 ("El deshielo", "El Campo Grande" e "El griego"):

   Podemos comezar cos tres primeiros capítulos, nos que notamos xa certo desprazamento: no 1 hai como unha ponte entre o final do libro anterior e o comezo deste, os días finais no Lager e a chegada dos soviéticos primeiro, e dos polacos do lugar despois. No 2, temos os días na enfermería ruso-polaca e a descripción dese ambiente, novo pero non tanto, e as persoas que nel aparecen ou reaparecen, nenos pequenos incluídos. No 3 o libro parece desprazarse en certa medida, pero soamente en certa medida, cara a unha obra de "picaresca", con ese "grego"  (Mordo Nahum), en realidade un xudeo grego probablemente sefardita ou en contacto cos sefarditas gregos, pois Mordo era da cidade grega de Salónica, segundo di Levi, personaxe ambiguo e impactante que non deixa nin pode deixar indiferente.

   Metamos agora un par de enlaces para escoitar cancións sefarditas, nese castelá, arcaico tan suxestivo:
   1) Canción composta pola sefardita nacida en Bosnia (nos Balcáns) e residente en EE UU, Flory Jagoda, "La yave de Espanya" (podes ler os carteis que leva dentro o vídeo: os xudeos expulsados polos Reis Católicos no XV levaron consigo a chave da súa casa, e teñen aínda tal chave na actual. "Nonos" significa "avós"): PREMEMOS AQUÍ, por favor;
   2) canción de sefarditas ubicados en Turquía, que non é Grecia, certamente (tampouco Bosnia é Grecia), pero a canción merece a pena: "La prima vez". PREMEMOS AQUÍ, por favor.
    (Se queremos escoitar cancións sefarditas, basta con escribir en YouTube iso e temos un montón, se ben non todas con bos arranxos, ollo con iso).


   E ben, de que podemos falar-escribir neste blog en forma de comentarios anónimos ou firmados co teu nome? Supoño coñecemos todos como funciona iso nun blog, así que mellor dicir de que cousas se pode escribir, por si alguén está bloqueado:
  • Podemos escribir hoxe ou mañá, ou pasado, ou o outro, sobre as diferencias entre o libro anterior e éste: de estilo, de calidade, de ritmo, de detalle, do que sexa.
  • Podemos escribir, e contestar ao que outros escriban, sobre determinadas frases deses capítulos que vexamos como de interese polo que sexa: podémolas reproducir entre comiñas, se queremos, para que quede máis claro.
  • Podemos escribir sobre determinadas situacións descritas por Levi nestes capítulos, e falar do que opinamos delas, e montar a partir de aí un diálogo entre varios.
  • Ou de persoas concretas que aparecen gracias á pluma de Levi, e escribir sobre as súas actitudes, reaccións, medos, caracteres, psique, etc. Dá para moito, porque hai xente para dar e tomar nesas páxinas.
  • Podemos escribir de..., do que queiras, en realidade, como buscar relacións con novelas da picaresca española, ou con outros libros sobre a II Guerra Mundial, ou con películas, ou series, ou cómics, ou cousas que sucederon na túa vida ou están a suceder... agora.
  • Ou preguntar dúbidas ao resto dos que conformamos este club: dúbidas sobre como entender tal pasaxe, ou tal detalle, etc.
  • Etc.

   Ben, pois imos entón a ler e escribir, con liberdade, sobre todo iso e máis.  Se alguén quere "unha opinión", posiblemente non compartida por moitos, eu creo (opino) que esta obra está mellor escrita que a anterior (tamén é dos anos 61-62, e Levi xa era un escritor máis veterano, máis curtido), en estilo, en detalles, en descripcións. Estamos de acordo, ou non?

  

domingo, 15 de marzo de 2020

Entrada 7: "La tregua". Segundo libro deste club. Comezamos xa:

     Aproveitando o corte de clases polo coronavirus, damos comezo a lectura na casa do segundo libro de Levi do noso club. Todos temos desde fai tempo ese libro nas mans. Pois ben, mira o mapa do final, e logo mira o índice do libro. Divide entre dous o número de capítulos e xa temos un criterio: podemos ter dúas reunións neste club para esta obra, a primeira unha vez retomemos as clases e estea feita a xunta de avaliación II (sexa cando sexa), e a derradeira máis adiante (xa veremos sobre a marcha segundo vaia isto dun xeito ou outro).
   Polo tanto podemos comezar xa pola nosa conta hoxe mesmo o libriño, a súa primeira metade. E se ha i dúbidas ou queremos dicir algo (firmando co noso nome ou de forma anónima), temos este blog para poder facelo. Ánimo, pode estar ben.

   E de que vai a obra? Levi e outros saen do que queda do campo de exterminio e vagan libres ata que os soviéticos reúnen de novo noutro campo (desde logo con outra finalidade) a eses sobreviventes. Finalmente Levi narra a súa viaxe de retorno á Italia liberada... pasando pola Alemaña vencida.

   Pois veña: xa.

sábado, 21 de decembro de 2019

Entrada VI: a terceira reunión de nunca acabar...

   De novo.
   Para facer a derradeira reunión dedicada ao primeiro libro deste club, houbo problemas (datas de exames, xa se sabe), polo que a data en principio sinalada tivo lugar, e logo outros dous días máis, No primeiro vímonos tres persoas, incluído o plumífero que escribe, pero soamente unha delas (plumífero excluído) lera case todos os capítulos apalabrados; na segunda, non apareceu ninguén; na terceira (á terceira vai a vencida), acudiron dúas persoas (e quen escribe, claro), e por unha vez non soamente tiñan lido todos os capítulos, senón parte do "Apéndice" posterior escrito anos despois polo autor. Todo isto no prazo dunha semana ou menos.
   En definitiva, dun xeito ou outro, rematados a primeira obra e falamos dela, se non todos, polos menos algúns.
   Nesa reunión por etapas, falamos, desde logo, dos últimos días de terror pánico no que quedaba do campo unha vez os soviéticos ameazaban con chegar e os alemáns facían a súa retirada con non poucos inconvenientes. É probablemente a parte máis difícil de esquecer e a máis rechamante en moitos sentidos. Certas respostas no "Apéndice" posterior resolven algunhas das dúbidas que xeran a lectura da obra, ou satisfacen a curiosidade de saber que foi de Mengano ou Zutano anos despois da guerra, e se o autor mantivo contactos con eles ou non, e por que.

   Damos pois por remada esta obra neste club. A obra que segue é La tregua, despois de nadal; data sen fixar aínda.

xoves, 21 de novembro de 2019

Entrada V: a segunda reunión

   O día 21 de novembro, xoves, no recreo, tivemos a nosa segunda reunión. Estivemos case todos..., menos V., a causa dun lamentable malentendido que esperamos non volva a suceder.
   Tocaba falar dos seis capítulos do medio do libro, desde "O traballo/El trabajo" ata "O canto de Ulises/El canto de Ulises", ambos incluídos, todos eles de gran interese. Probablemente foi co último co que estivemos non tanto en desacordo entre os presentes como máis ben un tanto desconcertados, pois o capítulo baséase nun canto de "A (Divina) Comedia", de Dante, o canto de Ulises. Pese aos nosos esforzos deberíamos talvez acudir á obra de Dante buscando o fondo do capítulo de Levi...

   A seguinte reunión quedou para dentro de dúas ou tres semanas, tamén en xoves, en principio. Veremos entón o resto dos capítulos do libro, excluíndo pois o "Apéndice de 1976".

xoves, 7 de novembro de 2019

Entrada IV: a primeira reunión

   O xoves día sete de novembro, no recreo, tivo lugar o primeiro encontro para falar dos primeiros cinco capítulos de Se isto é un home/Si esto es un hombre.
   Estabamos os seis membros na aula de primeiro B de bacharelato, e foron aparecendo temas: a viaxe en tren de Italia a Auschwitch, a diferencia entre os SS e a Wehrmacht, a diferencia entre a SS e a SA, se a humillación no campo era a conciencia ou non, os soños dos prisioneiros de noite, a necesidade de lavarse e asearse cada día aínda que a auga fora asquerosa e non potable, o porqué de deixar no texto palabras en alemán e en yiddish, etc.
   Foi un primeiro momento de contacto e a posta e marcha do club.
   Quedamos para dentro de dúas semanas, o xoves 21, no recreo, se todo vai ben. Para entonces teremos lidos os seis capítulos que seguen, ata "O canto de Ulises" incluído.