xoves, 16 de abril de 2020

Entrada 10: Capítulos 7, 8 e 9 ("Los soñadores", "Hacia el sur", "Hacia el norte"):


     Seguimos con outros tres capítulos.
   No 7, "Los soñadores", Levi está gravemente enfermo, e ademais de falar diso, volve a incluír unha nova colección de personaxes que bordean a tolemia, mesturada coa picaresca. Chama a atención o "doutor" Gotlieb.
   Nalgún momento Levi escribe isto sobre os seus acompañantes alí na súa convalecencia:
   "En las larguísimas tardes polacas, el aire del dormitorio, pesado de tabaco y de olores humanos, se saturaba de sueños insensatos. Éste es el fruto más inmediato del exilio, del extrañamiento: el predominio de lo irreal sobre lo real. Todos soñaban sueños pasados y futuros, de esclavitud y de redención, de paraísos inverosímiles: enemigos cósmicos, perversos y sutiles que todo lo penetran como el aire." (Páxina 102, na versión de Muchnik Editores, 1988.).

   No 8, "Hacia el sur", os italianos do campo soviético son inopinadamente metidos nun tren para chegar a Odesa, porto ucraniano no Mar Negro. Miremos o mapa do final do libro para localizar as cidades do traxecto. Por suposto, non chegará ese tren ao seu destino, pero o  que importa, cremos, son estas tres cousas: 1) a forma de proceder do "doutor" Gotlieb; 2) o medo que producía simplemenete escoitar a palabra "Stalin" (sobrenome que significa "Home de aceiro") na poboación soviética; e, sobre todo, 3) notar como por fin Levi comeza a recoñecer as garras irracionais e totalitarias do sistema soviético (presta atención aos detalles da viaxe, sobre todo cando Gotlieb desaparece misteriosamente e con cara de... pánico).
   Neste enlace, se baixas un pouco, podes ver o mapa de Ucrania co mar Negro e Odesa. Se miras á parte superior, N.O. de Ucrania, en verde, verás as cidades de Lvov (que Levi e o seu mapa denominan Leópoli), e Ternopil algo máis á esquerda, que Levi e o seu mapa chaman Ternopol (con iso chega para ubicarnos, pero mira ben o mapa: son extensións enormes).

   No 9, "Hacia el norte", temos dous momentos: primeiramente, a estancia durante días en Zmerinka, onde podemos contemplar a soldados prisioneiros alemáns abandonados sen máis e mortos de fame, humillados por un xudeu italiano, Daniele, e camiñando a catro patas diante del. Tamén a escena, terrorífica, das mulleres ucranianas que son traídas de volta desde Alemaña polo réxime estaliniano, con destino descoñecido e probablemente o peor (¿Gulag?).
   O segundo momento é, unha vez subidos de novo ao tren, no final do traxecto, ao norte (ver mapa do final do libro). Fóra de todo, europeos de todas as nacionalidades son concentrados lonxe de calquera porto de mar que prometa a volta a casa, nun vello cuartel do exeŕcito soviético destruído pola guerra. Alí, ao día seguinte da noite da chegada, Levi atopa de novo ao grego Mordo Nahum...(ver capítulo 3 e o comentario de Violeta do día 30 de marzo, Entrada nº 8), que se dedica agora á prostitución no propio campo de concentración, sen problema algún coas autoridades soviéticas do campo. Levi, claro é, rexeita a invitación de Mordo Nahum, vítima dos nazis e agora explotador de mulleres, coa vista gorda dos soviéticos, tamén clientes do seu negocio, por certo (de todas formas, o Exército Vermello da URSS e Stalin ten algo moitísimo peor sobre si que o miserable Mordo dedicándose ao negocio da prostitución: mira, pero advertimos que non é agradable. Se disto se fala pouco, é porque a guerra cóntaa quen vence, non o vencido).

3 comentarios:

  1. Destes tres capítulos o que máis me gustou foi a vella da tenda de ultramarinos que aparece no capítulo "Hacia el sur", rin moito coa súa historia.
    Non me gusta nada forma de gañar a vida de Mordo Nahum, paréceme fatal que se dedique á explotación de mulleres, por moi mala que fora a situación da URSS en xeral.

    ResponderEliminar
  2. Este libro estame gustando mais que o anterior xa que narra viaxes e persoaxes variados e baixo as súas circunstancias únicas. Gústame que neste libro vese a Primo Levi relacionarse e ganarse a vida de distintas formas. Pero algo que molestame neste é que debido a súa mellora de narración, as descripcións volvense mais recargadas e a introducción de vocabulario mais rebuscado e menos usado, volveo mais pesado ou rimbombante.

    ResponderEliminar
  3. Ola a ambas e aos restantes compoñentes do club! Perdón polo atraso. Alégrome de que haxa comentarios.
    O que dis, Violeta, é moi certo, obviamente. Pero ademais eu destacaría, como observación deprimente e retrato aínda máis deprimente do ser humano, que quen estaba facendo tal era unha das vítimas do nazismo nun campo de exterminio. Unha persoa que non en tanto tempo pasa de ser escravo dos nazis a iso que aí estamos vendo. Logo ser escravizado, torturado, humillado e un largo e tenebroso etcétera non é vacina suficiente, polo visto. Xa no libro anterior, en realidade, víamos cousas dese calibre entre os propios compañeiros de escravización e non por azar, senón como parte da humillación programada con mentalidade “industrial” (sic) polos SS nazis, que buscaban a posta tales condutas entre os propios xudeus como parte do seu proxecto destrutor.
    No que dis, Irene, hai tamén moito de certo, non necesariamente na valoración de peor/mellor obra, senón no que sinalas da linguaxe escollida, da complexidade. Iso trae consigo que a obra nos resulte máis ou menos atractiva, ou fácil de ler, ou todo o contrario. Máis alá diso, que sería subxectivo, creo, está a pregunta de por que Levi cambia dunha obra á outra. E creo que era Violeta, ou talvez outra persoa “anónima”, quen dicía que nesta, "La tregua", non estamos todo o tempo concentrados no Lager e coas escenas habituais dese inferno, senón fóra, e as persoas son moi variadas, e a sociedade aínda un caos onde todo está moi mesturado, e así a mesma obra ás veces é dramática, pero outras, as máis, son propias da picaresca, ou sarcásticas, ou humorísticas, polo que é un libro onde podes torcer o xesto coa escena que escolle Violeta, ou podes rir co comisario na moto ou no partido de fútbol, ou podes volver a poñer caras na escena dos alemáns a catro patas, etc. Todo iso, toda esa variedade de imaxes, e , como escribíamos aí atrás, a maior técnica como escritor de Levi, pois este libro é do comezo dos sesenta, fai que as dúas obras sexan tan distintas en tantas cousas (e aínda hai unha terceira obra, "Los hundidos y los salvados", que completa esta triloxía, pero xa e un ensaio, con outro ton e estilo de moi distinta natureza, que quedará fóra do noso club, pero bo é saber que existe.
    Moitas gracias por estar aí, e polos vosos comentarios, que podemos continuar aquí mesmo nesta entrada se queremos. De momento aproveitarei esta ponte para seguir con outros tres capítulos e introducir unha nova entrada este sábado ou domingo. Chao...


    ResponderEliminar