martes, 24 de marzo de 2020

Entrada 8: capítulos 1, 2 e 3 ("El deshielo", "El Campo Grande" e "El griego"):

   Podemos comezar cos tres primeiros capítulos, nos que notamos xa certo desprazamento: no 1 hai como unha ponte entre o final do libro anterior e o comezo deste, os días finais no Lager e a chegada dos soviéticos primeiro, e dos polacos do lugar despois. No 2, temos os días na enfermería ruso-polaca e a descripción dese ambiente, novo pero non tanto, e as persoas que nel aparecen ou reaparecen, nenos pequenos incluídos. No 3 o libro parece desprazarse en certa medida, pero soamente en certa medida, cara a unha obra de "picaresca", con ese "grego"  (Mordo Nahum), en realidade un xudeo grego probablemente sefardita ou en contacto cos sefarditas gregos, pois Mordo era da cidade grega de Salónica, segundo di Levi, personaxe ambiguo e impactante que non deixa nin pode deixar indiferente.

   Metamos agora un par de enlaces para escoitar cancións sefarditas, nese castelá, arcaico tan suxestivo:
   1) Canción composta pola sefardita nacida en Bosnia (nos Balcáns) e residente en EE UU, Flory Jagoda, "La yave de Espanya" (podes ler os carteis que leva dentro o vídeo: os xudeos expulsados polos Reis Católicos no XV levaron consigo a chave da súa casa, e teñen aínda tal chave na actual. "Nonos" significa "avós"): PREMEMOS AQUÍ, por favor;
   2) canción de sefarditas ubicados en Turquía, que non é Grecia, certamente (tampouco Bosnia é Grecia), pero a canción merece a pena: "La prima vez". PREMEMOS AQUÍ, por favor.
    (Se queremos escoitar cancións sefarditas, basta con escribir en YouTube iso e temos un montón, se ben non todas con bos arranxos, ollo con iso).


   E ben, de que podemos falar-escribir neste blog en forma de comentarios anónimos ou firmados co teu nome? Supoño coñecemos todos como funciona iso nun blog, así que mellor dicir de que cousas se pode escribir, por si alguén está bloqueado:
  • Podemos escribir hoxe ou mañá, ou pasado, ou o outro, sobre as diferencias entre o libro anterior e éste: de estilo, de calidade, de ritmo, de detalle, do que sexa.
  • Podemos escribir, e contestar ao que outros escriban, sobre determinadas frases deses capítulos que vexamos como de interese polo que sexa: podémolas reproducir entre comiñas, se queremos, para que quede máis claro.
  • Podemos escribir sobre determinadas situacións descritas por Levi nestes capítulos, e falar do que opinamos delas, e montar a partir de aí un diálogo entre varios.
  • Ou de persoas concretas que aparecen gracias á pluma de Levi, e escribir sobre as súas actitudes, reaccións, medos, caracteres, psique, etc. Dá para moito, porque hai xente para dar e tomar nesas páxinas.
  • Podemos escribir de..., do que queiras, en realidade, como buscar relacións con novelas da picaresca española, ou con outros libros sobre a II Guerra Mundial, ou con películas, ou series, ou cómics, ou cousas que sucederon na túa vida ou están a suceder... agora.
  • Ou preguntar dúbidas ao resto dos que conformamos este club: dúbidas sobre como entender tal pasaxe, ou tal detalle, etc.
  • Etc.

   Ben, pois imos entón a ler e escribir, con liberdade, sobre todo iso e máis.  Se alguén quere "unha opinión", posiblemente non compartida por moitos, eu creo (opino) que esta obra está mellor escrita que a anterior (tamén é dos anos 61-62, e Levi xa era un escritor máis veterano, máis curtido), en estilo, en detalles, en descripcións. Estamos de acordo, ou non?

  

2 comentarios:

  1. Concordo co de que esta segunda parte está mellor escrita que a primeira, e por agora gústame máis. Non só polo estilo, tamén pola historia, resúltame máis entretida.
    O personaxe do grego chamoume moito a atención, a dureza da súa vida convertiuno nunha persoa arisca e determinada, mais no fondo el tamén se debía sentir canso e só. É unha mágoa que se separasen ao final do capítulo 3, teríame gustado saber máis del.

    ResponderEliminar
  2. Ola, Violeta. Acabo de atopar o teu comentario agora mesmo, cando estaba escribindo un correo para todos os membros do club, entre outras cousas porque pensaba que ninguén aparecera por aquí (un está demasiado absorbido polo blog da asignatura de F., dadas as circunstancias).
    De feito estaba esperando que sucedera, que alguén dixera algo aquí, para seguir con outros tres capítulos para outra entrada.
    Efectivamente, eu tamén penso que como libro é máis libro, máis obra, mellor escrita, e penso que a experiencia do autor é unha das razóns. Outra pode ser que con "Si esto..." sentíase talvez preso dunha responsabilidade ante a humanidade que ao mellor condicionaba á obra, e por outro lado, penso que consideraba esa obra como unha obrigación moral, necesaria para a divulgación do alí sucedido, e buscaba ao mellor por iso unha linguaxe máis directa e sinxela para chegar ao maior número de persoas, pero non estou moi seguro do que estou dicindo. Soamente "pode ser".
    Polo demais, ese "grego", e resulta raro falar del como se fose unicamente un exemplar da "greguidade", cando como moito sería do colectivo xudeo-grego, e nin así, porque é un individuo con nome e apelido, ese personaxe, dicía, reaparece máis adiante neste libro, como indica o propio Levi.
    Un saúdo, gracias polo teu comentario, e perdón por non ver antes éste (mirara o blog, pero non recoñecera visualmenete a existencia dun comentario xa nel, ata agora mesmo. Sorry).

    ResponderEliminar